A Wii podería estrear tenda de vídeos este ano

venres, 13 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A consola doméstica de Nintendo está a preparar unha canle de vídeo no Xapón, e dende EE.UU. tamén parecen moi interesados na posibilidade de utilizar a Wii coma plataforma de comercialización para películas e series de televisión pese a que carece da alta definición de consolas como a Xbox 360 e a PlayStation 3 (o que compensa coa súa ampla base de usuarios).
Curt Marvis, presidente de Lionsgate, considera que a Wii é unha grande oportunidade para a distribución audiovisual, e asegura para Variety que podería convertese en realidade ao longo do ano, agardando que «se converta nun grande mercado para a distribución dixital».
Para que funcione esta potencial plataforma deberán superar un atranco moi importante: a Wii carece de disco duro. Entendemos así que tal solución precisaría dunha boa conexión á Internet pois os contidos deberían chegar sempre a través de streaming e non mediante descargas con DRM coma no resto de consolas, agás que opten polo uso de tarxetas SD para o almacenamento, o que aplican para as descargas de temas de Rock Band.
O aluguer de películas e series de televisión dende a Wii podería non ser a opción máis demandada polos consumidores, pero chega con que acade a metade do éxito do Bazar de Vídeo da Xbox 360 para que resulte un mercado sumamente rendible.