A XGN Intermax volve en outubro cunha edición especial centrada na Intelixencia Artificial

mércores, 3 de setembro do 2025 S. P.

A lanparty galega XGN Intermax celebrará o seu 25ª aniversario do 10 ao 12 de outubro. E farao cunha edición especial centrada na Intelixencia Artificial, a XGN Intermax AI Edition. A cita contará de novo coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, aínda que nesta ocasión engadirá un espazo expositivo coa IA como protagonista.
Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
Pola súa banda, a zona expositiva estará destinada a empresas centradas en desenvolvemento de modelos de IA, plataformas de infraestrutura desta tecnoloxía ou consultoras personalizadas, entre outros tipos de compañías. “Esta pequena mostra será o xerme dunha futura feira especializada nesta tecnoloxía emerxente”, informan dende a organización do evento.
En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para inscritos dende o día 10 ata o 12 outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 9 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet e Exposición centrada en IA, poderase acceder o 10 e 11 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.
Formación, entretemento e, tamén negocio, serán así os eixos desta edición especial, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta cita, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e tamén co patrocinio oficial de Intermax Technology.
Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, incorporada ao proxecto o ano pasado, as persoas participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 GB por segundo, “o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento”, informan dende a organización.
Respecto do programa, o encontro tecnolóxico volverá contar cun programa de actividades “moi variado” tanto para as persoas inscritas como para os visitantes, o cal busca tanto a aprendizaxe como o entretemento. En canto a contidos, a IA terá unha importante presenza tanto en conferencias como en talleres tecnolóxicos interactivos, ademais de protagonizar a que se chamará Zona Gaming + IA. Así mesmo, entre os diversos creadores de contido que participarán no evento, algúns deles están especializados en IA.
Para participar na XGN Intermax AI Edition, a organización abriu este mércores 3 de setembro o seu prazo de preinscricións, mentres que o de reservas comezará o vindeiro 10 de setembro. Será entón cando os rexistrados poderán tamén seleccionar os seus postos, o que facilitará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da party. A preinscrición e reserva deben realizarse a través da web do evento.