A XGN R Encounter recuperará o seu formato completo
venres, 30 de setembro do 2022
A XGN R
Encounter 2022 celebrará a súa 22ª edición entre os días 7 ao 9 de outubro
na Feira Internacional de Galicia ABANCA xuntando a profesionais e afeccionados
á informática e ás TIC nunha LAN party que recupera o seu formato completo co
contar tamén cunha área de acceso libre no recinto, con actividades que na
pasada edición tiveran que realizarse en liña por mor das restricións
sanitarias.
O encontro incluirá este ano as súas zonas habituais nos
dous pavillóns principais da Feira Internacional de Galicia ABANCA, con 10.000
metros cadrados cada un deles. A Intranet, orientada a rexistrados,
permitiralles desfrutar durante os tres días dun posto con dereito a acampar e
a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet (área de acceso
libre) ofrecerá os dous primeiros días un completo programa de propostas tanto
para rexistrados como para quen visite o recinto ocasionalmente.
A Feira Internacional de Galicia ABANCA está inmersa na
organización desta cita, que volverá destacar polas súas altas prestacións ao
contar con 20 Gbps de velocidade no recinto achegado por R, compañía
patrocinadora oficial do evento, que tamén conta co apoio da Consellería de
Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.