A XVIII Semana de Cine Cinemas Ocultos de Cangas viaxará por universos dixitais

martes, 29 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O CineClubCangas está a presentar a programación da XVIII Semana de Cine Cinemas Ocultos, un evento que se celebrará en Cangas do Morrazo, do 29 de setembro ao 7 de outubro no Auditorio Xosé Manuel Pazos, contando este ano como temática central os Universos Dixitais. A selección de películas propón unha mirada crítica e profunda sobre as redes sociais, a cultura da cancelación, as fake news, a conectividade e a soidade na era dixital.
As películas centradas na temática dos universos dixitais son Arthur Rambo (2021), candidata á Cuncha de Ouro a mellor película no Festival de San Sebastián; Desconectados (2018), Premio Cine en Construción no Festival de San Sebastián 2017 e candidata a premio do xurado no Festival de Sundance 2018; Ausencia de verdade (2020), mellor documental nos Gotham Independent Film Awards 2020, candidata a gran premio do xurado Festival de Sundance 2020 e candidata mellor documental Sindicato de Produtores/as (PGA) 2020; Sonne (2022) e Level Five (1997). Este último filme, Level Five, será presentado o mércores 4 de outubro por representantes do Museo do Videoxogo (MUVI).

O luns, 2 de outubro, proxectarase a curtametraxe Arenal (2019), Mellor curtametraxe Festival de Málaga, tras a que desenvolverase un faladoiro sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia con Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social e docente da Universidade de Santiago. Rial Boubeta coautor do libro Adolescentes e Novas Tecnoloxías: unha responsabilidade compartida, así como do libro Entre selfies e whatsapps. Oportunidades e riscos para a infancia e a adolescencia conectada, elaborado xunto a expertos europeos do proxecto EU Kids Online.

PUBLICIDADE