A Xbox 360 contará con novos packs en Europa

venres, 17 de outubro do 2008 Marcus Fernández

As consolas de Microsoft empaquetaranse con xogos de balde

Como xa comentamos, Microsoft non se conforma con rebaixar o prezo das súas consolas Xbox 360, senón que tamén venderá as súas consolas incluíndo xogos de balde coas mesmas, e hoxe mesmo chegarán ao mercado Europeo os packs correspondentes.
Por unha banda a Xbox 360 Arcade incluirá de balde o xogo Sega Superstar Tennis polo seu prezo habitual de 179 euros, mentres que a Xbox 360 con disco duro de 60 Gb e a Xbox 360 Elite con 120 Gb de disco duro incluirán os xogos LEGO Indiana Jones e Kung Fu Panda por 239 e 299 euros respectivamente.
Pero a cousa non remata aí, e de cara á tempada de Nadal irán aparecendo novos packs con xogos, que se corresponderían ao modelo con 60 Gb de disco duro, e que incrementarían o seu prezo 30 euros. Así, a partir do 7 de novembro se podería mercar a consola co xogo Gears of War 2 ou co novo título de James Bond (Quantum of Solace) por 269 euros, mentres que o 21 de novembro sería o Tomb Raider: Underworld o que se ofertaría (incluíndo adicionalmente unha tarxeta con 1.200 Microsoft Points). Para rematar, o 12 de decembro sería o novo Prince of Persia o que estrearía pack.