A Xbox 360 e a Nintendo DS poderían renovarse nos vindeiros meses

luns, 29 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Os rumores da nova Nintendo DS xa aparecen na prensa nipona

Os rumores sobre os posibles cambios das consolas de videoxogos son algo habitual, aínda que todos coinciden en que tardaremos en ver novas xeracións tanto no ámbito doméstico coma no portátil, podendo darse case por confirmada unha nova Nintendo DS (consola que xa adelgazara nunha das súas revisións) para incorporar antes de rematar o ano reprodución musical e unha cámara. Os rumores que apuntan a un incremento da pantalla da consola portátil de Nintendo ou da incorporación dun lector de tarxetas de memoria para intercambiar información coa Wii non parecen estar ben fundados.
Segundo Nikkei Net a cámara integrada na DS podería empregarse nalgún xogo, aínda que este novo modelo de consola podería ser máis caro que o anterior. Estímase que a revisión da DS podería custar por debaixo dos 20.000 iens no Xapón (onde actualmente se vende a 16.800 iens). Tamén se menciona que a revisión da consola se faría primeiramente no mercado nipón, polo que en Europa teriamos que agardar bastantes meses para vela nas tendas.
Pero os rumores non quedan aí, senón que tamén se fala moito da consola doméstica de Microsoft, xa que nun momento no que se está a agardar que se esgoten as existencias das consolas actuais dotada cunha placa base Falcon para poder introducir no mercado as agardadas placas Jasper (que estarían optimizadas para evitar os problemas de temperatura que acusaba a consola), se fala dunha posible Xbox 360 Slim, ou sexa, unha versión máis delgada e lixeira, como tamén pasou con consolas como a PS2.
A nova Xbox 360 podería presentarse en decembro ou durante 2009, e para tal redución de tamaño precisaría da placa base Valhalla, que contará con procesador principal e gráfico de 45 nm, a que xa sería unha importante mellora da consola. De todos os xeitos os rumores actuais parecen ser demasiado optimistas conforme ás datas de lanzamento dunha nova Xbox 360, e non parece que se vaia a saber nada antes do Nadal para non danar as vendas en tal período.