A Xbox 360 lidera a venda de consolas no Xapón

mércores, 17 de setembro do 2008 Marcus Fernández

A Xbox 360 resístese a deixar de estar de actualidade, e mentres agardamos a que este venres baixe de prezo en Europa, a consola de Microsoft está a ter unha vendas realmente impresionantes nos EE.UU. (incrementándose entre un 100 e un 500% nalgunhas tendas) mentres que no Xapón se superan todas as expectativas, posto que entre o 8 e o 14 de setembro a Xbox 360 non só superou en vendas á PS3 de Sony, senón que incluso vendeu máis que a Nintendo Wii.
Hai que lembrar que a Xbox 360 chegou a esgotarse no Xapón, posto que o lanzamento do xogo Tales of Vesperia disparou as súas vendas, e a posterior rebaixa de prezo fixo que no período indicado se despacharan 28.681 unidades, superando lixeiramente ás 27.057 Wii e deixando moi atrás á PS3 (con 8.050 unidades).
A estas fortes vendas tamén podería ter axudado o lanzamento do xogo Infinite Undiscovery de Square Enix, polo que a mellora do catálogo de xogos da Xbox 360 xunto co seu novo prezo podería levar á consola de Microsoft a marcar unha distancia coa PS3 que Sony tería moi complicado superar (posto que os custos de fabricación da PlayStation 3 son moi elevados, non sendo posible rebaixar o seu prezo de venda ao público sen danar aínda máis os resultados económicos da división de lecer electrónico do fabricante nipón).