A Xbox 360 permitirá acceder aos contidos de Sky TV no Reino Unido

luns, 28 de setembro do 2009 Marcus Fernández

A plataforma de televisión de pago británica Sky TV concreta na súa propia páxina web que en outubro o seu reprodutor multimedia estará dispoñible a través da Xbox 360, de xeito que os usuarios Gold de Xbox LIVE que sexan subscritores de Sky poderán acceder dende a súa consola a programas de televisión, documentais, series televisivas, películas e incluso partidos da Premier League. Todo isto sen facer uso do satélite, de xeito que os contidos descargaranse a través da conexión de banda larga coa que a consola de Microsoft teña acceso á Rede.
Con esta nova plataforma será posible acceder tanto aos contidos de paquetes de subscrición coma de acceso en pago por visión, destacando pola súa versatilidade, e abrindo posibilidades como a de chatear a través de LIVE durante a retransmisión de eventos en directo.
Estas novas prestacións chegará a través dunha actualización do dashboard da Xbox 360, e aínda que polo momento o Reino Unido será o campo de probas desta tecnoloxía, no futuro podería trasladarse a outros mercados, á vez que serve para comprobar que é posible distribuír contidos audiovisuais fóra das plataformas tradicionais.