A Xbox 360 podería achegar a alta definición os fogares cunha nova tenda en liña

luns, 6 de novembro do 2006 Marcus Fernández

As consolas de videoxogos emerxentes sempre dan lugar a moitos rumores, e agora é a Xbox 360 a que protagoniza o seu, que parece sumamente interesante, posto que comentan que a tenda virtual de Xbox podería comezar a comercializar vídeos en alta definición, que se alugarían a 4 dólares ou tamén se poderían mercar a un prezo non mencionado.
O principal atractivo desta potencial tenda sería que achegaría a alta definición ó salón de casa, posto que a Xbox 360 conta con conectores para alta definición, de xeito que antes da popularización do HD DVD ou o Blu-ray, a Xbox 360 podería sacar proveito dos novos televisores de plasma e LCD que están a substituír ós vellos televisores de tubo, algo que non fan nin os DVD nin as emisión televisivas actuais.
Actualmente Microsoft xa ofrece contidos de balde en tal formato (coma trailers de novos xogos) pero a comercialización de series de televisión ou películas a través de tal plataforma podería ser toda unha revolución (especialmente se temos en conta que a meirande parte dos usuarios de Xbox 360 teñen a consola conectada á Rede para xogar en liña).