A Xbox 360 supera os 10 millóns de unidades vendidas nos EE.UU.

xoves, 15 de maio do 2008 Marcus Fernández

Microsoft anunciou que a Xbox 360 superou os 10 millóns de unidades vendidas nos EE.UU., converténdose na primeira consola de nova xeración en superar tal marca, e superando tamén os 19 millóns de unidades a nivel mundial. Sumando ao éxito de Grand Theft Auto IV para Xbox 360 pódese asegurar que a consola de Microsoft está a vivir un momento moi doce, que se percibe especialmente na plataforma de xogo en liña Xbox Live, que este mes superou os 12 millóns de usuarios a nivel mundial.
Nos EE.UU. a Nintendo Wii está a comezar a achegarse ás vendas da Xbox 360 cunhas 8,8 millóns de unidades vendidas a finais do mes pasado, mentres que a PlayStation 3 de Sony aínda queda bastante atrás, con só 4,1 millóns de unidades.
Deixando o número de consolas vendidas tamén hai que recoñecer que o número de xogos vendidos por consola tamén é moi superior no caso da Xbox 360, mentres que a Nintendo Wii presenta uns resultados bastante negativos, xa que ao apostar polos xogadores casuais, en moitos casos se limitan a xogar a Wii Sports (xogo que se inclúe de serie coa Wii).