A Xbox 360 vai camiño de superar á Wii nos EE.UU.

martes, 18 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Millóns de unidades vendidas nos EE.UU. durante 2010

O NPD Group publicou as súas estimacións de vendas do sector dos videoxogos nos EE.UU. durante 2010, o que serve para tomar o pulso a este negocio que cada día ten máis peso no lecer e que moveu no último ano uns 18.600 millóns de dólares nos EE.UU. (só en tendas), o que supón un descenso con respecto aos históricos 21.400 millóns de dólares de 2008 (probablemente por terse trasladado boa parte do gasto a contidos descargables, que quedan fóra do informe) aínda que superando sobradamente os 12.500 millóns de 2006, dando a entender que o detonante da explosión deste sector foi a Wii de Nintendo (lanzada a finais do mencionado ano).
Pero as tendencias están a mudar, e mentres a Wii parece estancarse, a Xbox 360 continúa a medrar, en boa medida polo redeseño da consola que tivo lugar no presente ano, e co lanzamento de Kinect, chegando case a superar á Wii (o que presumiblemente acontecerá xa a primeiros do presente ano) con 6,8 millóns de consolas vendidas fronte aos 7,1 millóns da consola doméstica de Nintendo. Curiosamente a PlayStation 3, que disparou as súas vendas en Europa, quedou nuns modestos 4,3 millóns de unidades nos EE.UU. durante 2010 (estancándose as vendas con respecto a 2009 pese a que este ano presentaron o PlayStation Move).
Con estes datos confírmase que o sector dos videoxogos conserva o seu dinamismo, podendo lembrase 2010 polo feito de que marcou a caída de vendas das consolas de Nintendo, que colocou 2,6 e 2,5 millóns menos de unidades de Nintendo DS/DSi e Wii respectivamente, tendencia que podería reverterse en 2011 grazas ao lanzamento da Nintendo 3DS.

PUBLICIDADE