A Xornada TIC Ferrolterra reuniu á vangarda do sector empresarial da comarca

luns, 8 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Un encontro para ver o que se está a facer dende Ferrol e o resto de Galiza en materia tecnolóxica e tentar que o que se faga no futuro sexa máis aínda có de presente. Esta foi unha das razóns de ser da primeira Xornada TIC Ferrolterra, que reuniu a representantes de firmas punteiras do sector da devandita comarca e serviu de mesa de debate a tempo completo na que participaron tantos os relatores presentes coma o público asistente. Os encontros, que se desenvolveron no Hotel Hesperia Ferrol baixo a batuta da Asociación TIC Ferrolterra, contou coa presenza de José Ramón García, presidente de Blusens (empresa de Santiago que vén de acadar unha gran repercusión nos medios co seu novo GPS que ofrece imaxes reais de alta resolución) ou a empresa TeosTek, quen salientou a importancia das novas tecnoloxías para a competitividade no mercado, facendo especial fincapé nunha solución propia chamada AuraPortal e que axiliza e rendibiliza ó máximo a xestión de procesos.
Asemade, na xornada tamén participaron a ferrolá 3.14 Financial (que presentou unha solución encamiñada a procurar a meirande calidade na relación entre a empresa e o cliente), a compostelá Comunicación Global (que incidiu na importancia da imaxe na Sociedade do Coñecemento) ou a tamén ferrolá Egacom (que baseou a súa intervención en dar a coñecer solucións de comercio electrónico dirixidas ás pemes).
No encontro, tamén interviron Itacus (que presentou unha ferramenta que falicita a xestión dunha empresa e facilita o diálogo co cliente), Loroestudio (que falou das súas últimas achegas en materia de aplicacións móbiles, máis concretamente das Mobiguías aplicadas ó turismo) e Aresta (que sinalou que a procura da información vai pasar nun futuro de xeito inevitable polos mapas de situación xeográfica, algo que xa se está a ver na Web dos nosos días).
No encontro interviu a maiores Manuel Míguez, presidente da entidade organizadora, TIC Ferrolterra, quen valorou de xeito moi positivo o desenvolvemento da xornada, “por asistencia, implicación dos asistentes pola calidade dos relatorios”.

PUBLICIDADE