A Xunta busca garantir un uso ético e seguro da IA
xoves, 28 de novembro do 2024
Durante a clausura do XXIII Congreso de Directivos da Fundación CEDE, celebrado na Coruña e centrado nos desafíos da intelixencia artificial, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o Executivo autonómico busca garantir un uso ético e seguro desta tecnoloxía á vez que consolidar Galicia como un referente no seu desenvolvemento.
Rueda destacou que Galicia vai ser pioneira ao aprobar a primeira lei autonómica de intelixencia artificial, unha normativa que prevé que poida aprobarse no Consello da Xunta proximamente. Tamén salientou a importancia de aproveitar todo o potencial que ofrece a intelixencia artificial para mellorar os servizos que se ofrecen á cidadanía. Nesta liña, lembrou que a Xunta xa está a utilizar esta ferramenta en eidos coma a sanidade, o emprego ou o forestal, entre outros.
Sinalou que “a intelixencia artificial supón un antes e un despois ao que non hai que terlle medo”, e que, como todos os grandes cambios, será “proveitoso se sabemos aplicalo como é debido”. Neste sentido, avogou por difundir as súas vantaxes tanto entre o tecido empresarial como entre a cidadanía e apuntou que, aínda sendo un fenómeno global, “tamén é necesario regulalo desde o local”, trasladando garantías á cidadanía, xa que “o elemento humano supervisor estará aí cando sexa necesario”.
Transformación adaptada ás necesidades de Galicia
O texto da futura lei de intelixencia artificial de Galicia, coordinado pola AMTEGA, enmárcase na aposta da Xunta por unha transformación adaptada ás necesidades e o benestar de Galicia. A futura normativa inclúe medidas coma a obriga dun informe previo por parte das entidades do sector público que vaian usar IA para ver o impacto relativo que pode ter nos dereitos fundamentais das persoas así coma a supervisión humana dos trámites nos que se aplique esta tecnoloxía se así o demanda calquera persoa implicada no proceso.
Ademais, a lei incluirá medidas para incentivar a posta en marcha de proxectos vencellados á intelixencia artificial en Galicia coma liñas de axudas específicas ou a creación de factorías de IA no entorno do CESGA que as empresas poderán ter a súa disposición para adestrar ou probar sistemas con esta tecnoloxía.