A Xunta busca o consenso nos obxectivos do I+D+i cara ao 2020

martes, 21 de maio do 2013 Redacción

Conde subliñou a vocación de consenso da Xunta na busca de proxectos que permitan a Galicia medrar en competitividade e xerar emprego.

A Xunta e máis de 200 axentes do Sistema Galego de Innovación están a consensuar os obxectivos da innovación galega ata 2020, unha estratexia da que depende a captación de ata 1.200 millóns de euros de fondos FEDER da Unión Europea entre 2014 e 2020. O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe os primeiros resultados desa colaboración, un traballo que servirá para elaborar a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que debe presentarse este verán ante a Unión Europea.
Os axentes do Sistema Galego de Innovación distribuíronse en grupos de traballo, que acaban de adiantar 37 propostas en forma de obxectivos que, baixo a visión global que a Xunta imprimirá á proposta final, dan forma ao futuro do tecido produtivo de Galicia. Algúns dos obxectivos propostos son: converter a Galicia nun provedor da industria aeronáutica; desenvolver as tecnoloxías, servizos e loxística da biomasa; aproveitar os residuos e subprodutos do sector agroforestal e a súa industria transformadora; desenvolver novos materiais e aplicar as tecnoloxías emerxentes, como as ciencias de materiais, nanotecnoloxía, nanoeléctrica, biotecnoloxía ou fotónica ás nosas principais industrias tractoras (téxtil, naval, eólica, agroalimentaria, automoción ou forestal, entre outras); potenciar a comercialización do turismo cultural; aplicar as TIC para favorecer o envellecemento activo, e a innovación en nutrición.
No proceso tomáronse como exemplo 745 casos de empresas galegas que, grazas á I+D+i acadaron o éxito nos seus respectivos sectores, e establecéronse os criterios que determinarán a decisión final acerca de cales serán as áreas prioritarias de inversión en Galicia. Entre eses criterios se inclúen: a existencia de infraestruturas e capacidades clave, o potencial de diversificación, a presenza dunha masa crítica ao longo da cadea de valor, a existencia de tecnoloxías relevantes nas que Galicia sexa competitiva, e a existencia dun desenvolvemento que convertese a Galicia nun nodo local nas cadeas de valor ou nun nodo global de coñecemento.