A Xunta convoca os Premios Galicia de Investigación e Innovación Empresarial 2006

xoves, 23 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A fin de subliñar o papel da investigación como promotora do desenvolvemento económico e social, a Consellería de Innovación vén de convocar os premios Galicia de Investigación e Innovación empresarial 2006; un certame que consta de dúas categorías: os Premios Eugenio Montero Ríos de Investigación Social (que recompensan o traballo de investigadores prestixiosos realizado dende Galiza así como ós investigadores mozos) e o Premio Galicia á Innovación Empresarial, que ten como destinatarias ás pequenas e medianas empresas galegas, recoñecendo e estimulando o esforzo innovador das mesmas.
Para optar ó primeiro dos galardóns na categoría senior -dotada con 37 mil euros-, é preciso vir realizando un traballo de investigación na área social dende hai (polo menos) 15 anos, e os candidatos han de ser propostos por algunha institución académico-científica pública ou privada, con personalidade xurídica propia. Pola súa parte, os investigadores mozos que o desexen poden participar na súa categoría sempre e cando non transcorresen máis de seis anos dende a presentación da súa tese de doutoramento.
Por outra banda, poderán optar ó Premio Galicia á Innovación Empresarial as pequenas e medianas empresas galegas situadas ou non en Galiza, que teñan feito “un notable esforzo innovador nos últimos catro anos e non recibisen o premio en dito período”, así como aquelas outras que deixaron de ser pemes para transformarse en grandes empresas como consecuencia do seu esforzo innovador.
En tódolos casos, e para ámbolos premios, os aspirantes poden formalizar a súa candidatura a través dos modelos oficiais que se publican en Internet, nos enderezos: http://www.dxid.org, e http://www.conselleriaiei.com/ga/dxidi/index.php.