A Xunta destina preto de 17 millóns de euros para consolidar un sistema de I+D+i cara á excelencia

xoves, 26 de decembro do 2019 Redacción

O presidente Alberto Núñez Feijóo avanzou hoxe que a Xunta destinará preto de 17 millóns de euros co dobre obxectivo de consolidar un sistema de I+D+i que camiñe cara á excelencia e atraer e reter talento na comunidade. Nun primeiro termo explicou que a Administración autonómica destinará case 15 millóns no período 2020-2024 a axudas para os grupos de referencia máis competitivos da I+D+i galega, co fin de seguir dotando o sistema de estabilidade e, ao mesmo tempo, impulsar a súa excelencia.
En concreto, a convocatoria estará dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG); aos organismos públicos de investigación; ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) radicados en Galicia.
Como novidade a convocatoria deste ano, ademais do apoio a grupos de referencia competitiva e grupos de potencial crecemento, introducirá unha terceira modalidade para o financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.
Sobre os grupos de referencia competitiva (modalidade á que se destinan máis de 8 millóns), caracterizados por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e, en moitos casos, internacional, o presidente da Xunta aseverou que as axudas terán unha duración máxima de catro anos e o importe total de cada unha virá determinado por unha contía estrutural, máis outra variable, asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo.
A modalidade B (á que se destinan 5 millóns de euros) estará dirixida a grupos de potencial crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos e están na senda que os levará ser grupos de referencia.
Para esta modalidade, as axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 euros na primeira; e de 35.000 euros na segunda e terceira.
Por último, a modalidade C estará dirixida ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, co obxectivo de reforzar o labor dos científicos máis activos do sistema como os que obtiveron unha axuda do Consello de investigación europeo, do Programa Ramón y Cajal e do Miguel Servet, os máis prestixiosos de Europa e de España respectivamente.
Dentro desta modalidade, e en función das características dos investigadores, haberá unha liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada; e outra de reforzo de traxectorias emerxentes.
Cómpre subliñar que, no caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de catro anualidades, mediante o pagamento anual á institución á que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 euros. E, no caso dos proxectos da liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período de 5 anualidades e unha contía máxima anual de 15.000 euros.

Máis de 2 millóns de euros para os programas Talento Sénior e Principia

Para as novas convocatorias dos programas Talento Sénior e Principia, a Xunta destinará máis de 2 millóns de euros, coa previsión de contratar a preto de 120 persoas en empresas e organismos de investigación.
A través do Talento Sénior, que contará cun orzamento de 960.000 euros, prevese apoiar un total de 15 contratacións de persoal con máis de cinco anos de experiencia na área de I+D+i. E os incentivos da Xunta para as entidades beneficiarias variarán en función da retribución bruta por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos, no que deberán achegar ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade.
Á hora de conceder as axudas valorarase o perfil da persoa a contratar, a súa experiencia e traxectoria internacional e a condición de retorno e atracción, entre outras cousas.
O programa Principia que, con esta convocatoria, acada a súa quinta convocatoria, contará cunha achega de 1,1 millóns de euros para impulsar a contratación de persoal mozo e cualificado por parte de empresas e organismos de investigación.

PUBLICIDADE