A Xunta impulsa a colaboración entre universidade e empresa a través dos Hubs de Innovación DixitalDixital

venres, 10 de maio do 2019 Redacción

A Xunta impulsará, a través dos Hubs de Innovación Dixital, a colaboración entre a Universidade e as empresas, tal e como destacou esta mañá a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, na clausura do Encontro Universidade Empresa centrado no sector do metal, organizado pola Universidade de Vigo no Campus universitario.
A directora de GAIN asegurou que «desde a Administración imos a continuar poñendo as pancas para seguir apostando pola transferencia de coñecemento ao tecido produtivo a través de programas como o Ignicia, os Hubs de Innovación Dixital e outros instrumentos para a colaboración entre os diferentes axentes. Non podemos permitirnos non valorizar o coñecemento»..
Neste senso, felicitou á institución académica por organizar estes encontros entre o persoal investigador e as empresas que permiten coñecer de primeira man as necesidades do tecido produtivo e o potencial dos grupos de investigación universitarios, así como establecer liñas de colaboración entre ambas partes. En definitiva, contribuír a un necesario achegamento entre ambos mundos.

Hubs, punto de encontro entre o coñecemento e a industria

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa precisamente un novo instrumento que está chamado a ser un punto de encontro entre a universidade e a empresa e, en xeral, entre o coñecemento e a industria. Trátase dos Hubs de Innovación Dixital, un novo xeito de estruturar o ecosistema de I+D+i, continuando co modelo de colaboración público-privada e innovación aberta, co obxectivo de conseguir que o ecosistema de I+D+i galego gañe tamaño e competitividade.
En concreto, o Hub Galicia Factorías do Futuro, liderado polo Clúster da Automoción de Galicia (CEAGA), abranguerá as cadeas de valor de sectores como a automoción, o naval, o téxtil, a madeira-forestal ou a alimentación. Grazas á introdución das novas tecnoloxías dixitais de produción, como o Internet das Cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada ou o Big Data, gañarase unha maior eficacia do proceso produtivo, desenvolveranse novos modelos de negocio e innovación e permitirá a transición de pemes cara novos segmentos de maior valor engadido.
Malia que o principal destinatario dos Hubs serán as PEME, todos os axentes poderán beneficiarse dos seus servizos, que está previsto que comecen a prestar en 2020. No caso das universidades, agárdase que acheguen coñecemento, persoal, equipamento e infraestruturas e, en contrapartida, identificar novas colaboracións, novos produtos e ter acceso a novas fontes de financiamento público vía Hub. As grandes empresas, pola súa banda, terán acceso a servizos tecnolóxicos aforrando custos de infraestruturas e a coñecemento disruptivo, mentres que as PEME poderán acceder a servizos tecnolóxicos de vangarda, de desenvolvemento de negocio, de aceleración, acceso a persoal cualificado, formación e contacto con outros axentes do sistema.
Por último, Patricia Argerey explicou outros programas da Xunta como o Ignicia, que contribúe a transferir os resultados da investigación ao mercado, a través do financiamento da súa proba de concepto.

PUBLICIDADE