A Xunta ofrece 3.000 formacións online anuais na súa plataforma corporativa

venres, 20 de febreiro do 2026 S. P.

A Xunta conta cunha plataforma corporativa de teleformación, xestionada pola AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), que dá soporte a 18 áreas formativas, orientadas tanto á cidadanía como ao persoal empregado público. No balance máis recente desta plataforma faise saber que no último ano esta canle dixital de aprendizaxe permitiu ofertar arredor de 3.000 cursos dos que se beneficiaron máis de 35.500 persoas.
A plataforma, denominada PLAFOR, púxose en marcha no ano 2017 e foi experimentando un crecemento progresivo que viviu un punto de inflexión coa pandemia da COVID-19, momento no que a demanda de formación en liña medrou de maneira significativa. Entre 2020 e 2022, o número de persoas usuarias das plataforma pasou das 2.600 ás máis de 27.800, unha cifra que continuou incrementándose ata superar os 35.5000 usuarios actuais. Tamén o número de cursos creceu exponencialmente tras a pandemia, dos máis de 500 ofrecidos en 2020 pasouse a máis de 1.100 en 2021, e a oferta continuou incrementándose ata rozar os 3.000 nos dous últimos anos.
Na actualidade, a plataforma cobre 18 ámbitos formativos distintos, entre os que se atopan: seguridade pública, emprego, competencias dixitais, consumo, cultura, lingua galega, medio rural, mar, política social, turismo, voluntariado ou xustiza. Esta diversidade permite atender necesidades moi diferentes, adaptando os contidos e os formatos ás características de cada colectivo e sector.
Desde a súa posta en funcionamento, PLAFOR emitiu máis de 32.600 certificacións emitidas de maneira automatizada e máis de 20.600 sesións de videoconferencia, integradas cos sistemas corporativos da Xunta.
PLAFOR baséase en software libre (Moodle) e ofrece unha contorna flexible, segura, sen barreiras e con marxe de personalización.
O obxectivo é seguir ampliando o uso da plataforma a aqueles departamentos e áreas que o precisen, reforzar o seu carácter transversal como solución común para toda a organización e avanzar cara a unha teleformación máis intelixente. Entre as liñas de evolución previstas está a incorporación progresiva da IA para mellorar a experiencia de aprendizaxe con recomendacións personalizadas e facilitar o apoio á titorización e a análise avanzada dos procesos formativos.