A aplicación Microsoft Pix facilita o disparo de fotografías co iPhone

mércores, 27 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Resulta sorprendente ver como Microsoft, que ata hai pouco estaba na guerra dos sistemas operativos móbiles, estrea unha aplicación móbil destinada a mellorar a toma de fotografías co iPhone facendo uso da intelixencia artificial, de xeito que a propia aplicación será a que decida a mellor configuración e o mellor momento para tomar a fotografía perfecta sen caras borrosas, nin ollos pechados, ou outros detalles que poidan desmellorar a instantánea. Para face iso a nova aplicación, Microsoft Pix, dispara 10 imaxes consecutivas e elixe as tres mellores, aproveitando toda a información recollida para eliminar ruído, iluminar as caras, embelecer a pel e axustar a cor e o ton e, en definitiva, conseguir fotografías magníficas en só un segundo.
Este proxecto de desenvolvemento de Microsoft está dispoñible como aplicación de balde na App Store, buscando que moitos usuarios de iPhone pasen a empregar esta ferramenta en vez da aplicación de cámara incluída no smartphone de Apple, especialmente porque esta nova aplicación está moi orientada ao que pide o usuario, centrándose nas persoas como obxectivo das instantáneas, contando cunha grande intelixencia que fai que a aplicación actúe como un fotógrafo profesional e facendo que disparar fotografías ou gravar vídeos sexa algo divertido.
Unha das funcionalidades incorporadas na aplicación que poden resultar máis interesantes é que durante a captura de vídeo aplica un sistema de estabilización de imaxe para facilitar unha reprodución suave a distintas velocidades, de xeito que podemos gozar dos chamados hyperlapses (time lapses estabilizados).

Vídeo de presentación de Microsoft Pix