A aplicación XuntaEu supera os 104 mil usuarios

luns, 8 de setembro do 2025 Redacción

Máis de 104.000 galegos realizan xestións coa Xunta a través do móbil mediante a aplicación XuntaEu, ferramenta posta en marcha o pasado ano co propósito de simplificar a relación dos cidadáns cos servizos dixitais, aproveitando o uso practicamente xeralizado dos dispositivos móbiles.
XuntaEu está dispoñible para iOS e Android e, unha vez descargada, permite acceder de forma segura aos servizos dispoñibles mediante Chave365, DNI electrónico ou certificado dixital.
A través desta aplicación pódense consultar, aceptar ou rexeitar notificacións da Administración emitidas por Notifica.gal, así como acceder á información básica de expedientes e presentacións e entrar directamente na sede electrónica para a súa tramitación.
Tamén facilita a consulta das citas programadas coa Administración e a xestión de apoderamentos no Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.
Entre outras utilidades destacan a baixa no sistema Chave365, a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais da Carpeta Cidadá e a recepción de avisos personalizados.
Na actualidade, XuntaEu permite acceder a 12 tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente desde o móbil mediante un código QR. Así mesmo, ofrece acceso a certificados dispoñibles para o usuario, como o Certificado de habilitacións profesionais, a licenza de pesca marítima de recreo en superficie, a licenza de pesca marítima de recreo submarina e a licenza de pesca marítima de recreo en embarcacións.
A aplicación incorpora tamén unha función para comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de forma manual como escaneando o código QR coa cámara.
Desde a súa publicación, XuntaEu foi engadindo melloras e novas funcións. Entre as máis recentes están a posibilidade de achegar documentación aos expedientes e a habilitación dunha canle de WhatsApp para consultas técnicas sobre a aplicación móbil.