A aplicación de ChatGPT para Windows ábrese a todos os usuarios
venres, 15 de novembro do 2024
Para facer máis accesible o uso de ChatGPT dende o escritorio veñen de abrir a súa aplicación para Windows 11 a todos os usuarios, o que permite que non só poidamos conversar coa intelixencia artificial de OpenAI, senón que tamén contemos con opcións para realizar consultas sobre ficheiros que lle acheguemos, con capturas de pantalla e incluso conversar directamente a través do micrófono mediante o uso da voz avanzada, o que facilita o establecemento de conversas en tempo real en mans libres, o que pode resultar especialmente de axuda mentres se traballa.
A aplicación tamén permite xerar imaxes mediante DALL·E, pode axudar a escribir código, pode empregarse para realizar consultas na web (con ligazóns indicando as fontes da información resultante) e moitas cousas máis ás que estamos afeitos na versión web de ChatGPT, e que agora están máis ao alcance dos usuarios ao contar cunha aplicación nativa para Windows 11.