A aplicación móbil TravelCity axúdanos a planificar visitas á cidade da Coruña

xoves, 17 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O Concello da Coruña acolleu esta mañá a presentación de TravelCity, unha aplicación móbil desenvolvida pola galega Softwhisper (conducida por MarQuid Consulting) para a Asociación de Empresas de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO), que busca dar a coñecer e promocionar os establecementos de hospedaxe da cidade a través da creación dun plan de visita da mesma, de xeito que non se limita a promocionar os hoteis que participan desta iniciativa, senón que tamén achega ofertas para diversas actividades que se poden levar a cabo na Coruña.
Durante o acto de presentación Rafael Benito, presidente de HOSPECO, salientou o compromiso conxunto do Clúster do Turismo de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello da Coruña para fomentar o desenvolvemento da cidade como destino turístico. O secretario de HOSPECO, Alfonso Lara, destacou pola súa banda que no lanzamento da aplicación contouse cunha grande implicación dos hostaleiros da Coruña, de xeito que esta ferramenta estréase con máis de 200 establecementos.
TravelCity pode descargarse de balde a través da App Store e de Google Play, e mediante un sinxelo cuestionario para definir o tipo de viaxe que vai realizarse á cidade herculina (familia, parella, en grupo...), o estilo de hotel (romántico, familiar) e a clase de plan que se busca (urbano, cultural, de tranquilidade...) elabóranse suxestións sobre os establecementos máis interesantes para construír unha boa experiencia que supón un paso máis aló das guías de viaxe e as recomendacións de viaxeiros.
Este proxecto elaborouse ao amparo dun convenio entre o Clúster do Turismo de Galicia e a Axencia do Turismo de Galicia para a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico, que contou co co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013.

Rafael Benito, presidente de HOSPECO, salientou o compromiso conxunto do Clúster do Turismo de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello da Coruña para fomentar o desenvolvemento da cidade como destino turístico
Alfonso Lara, secretario de HOSPECO, destacou que no lanzamento da aplicación contouse cunha grande implicación dos hostaleiros da Coruña