A aplicación móbil Waze fala galego

martes, 13 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A popular aplicación móbil de mapas con información colaborativa, Waze, vén de estrear a localización da súa voz a 4 novas linguas (español, catalán, éuscaro e galego) de xeito que xa no só poderemos ler os textos en pantalla na nosa lingua, senón que tamén escoitaremos indicacións e alertas a viva voz na nosa fala grazas a Uxía, voz incorporada grazas ao esforzo da comunidade de usuarios desta ferramenta.
Waze ofrece información de tráfico e navegación baseándose en información achegada por unha grande comunidade de usuarios que comparten información viaria e de tráfico en tempo real, buscando así aforrar tempo e combustible nos desprazamentos diarios. Deste xeito, os usuarios dan conta da accidentes, atoamentos, a presenza policial e outros elementos que poden mudar as condicións do tráfico, de xeito que o resto de usuarios poden mudar a súa ruta se queren evitar retencións.
Amais tamén incorpora unha capa social a través da que podemos ligar a nosa posición de GPS coa dos nosos amigos de Facebook cando nos diriximos a un destino común (ou para calcular o momento de recollida), de xeito que resulte máis doado sincronizar a chegada.

Os axustes de Waze permiten que a aplicación presente textos e voces en galego