A cámara do Messenger estrea novos modos e adhesivos

luns, 17 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Coa vista posta nas felicitacións de Nadal e Aninovo, Facebook actualiza a cámara do seu Messenger, de xeito que esta aplicación de mensaxería instantánea estrea 2 novos modos (Boomerang e Selfie) e novos efectos e adhesivos de realidade aumentada cunha temática axeitada a estas datas.
O modo de cámara Boomerang consiste no xa clásico efecto de vídeo en bucle que á xente resúltalle tan divertido, de aí que sexa tan popular en plataformas como Instagram, mentres que o modo Selfie permite disparar fotografías ou gravar vídeos mantendo o foco nas persoas que estean en primeiro plano, e desenfocando o fondo (para o que non precisa un smartphone con cámara dobre).
Aparte destas novidades, hoxe tamén comezan a espallarse globalmente entre os usuarios de Messenger novos adhesivos que tiran proveito da realidade aumentada para a súa integración en fotografías e vídeos, buscando así crear contidos divertidos que poder compartir tras aplicarlle os filtros e efectos que desexemos.

Vídeos en bucle, autorretratos con desenfoque de fondo e novos adhesivos de realidade aumentada son as novidades que están a chegar á cámara do Messenger

PUBLICIDADE