A comunidade internauta busca alternativas ó iPhone de Apple (mentres estre non chega)

luns, 15 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Trala presentación do iPhone de Apple a pasada semana, son moitos os que devecen por telo nas mans e poucos os elixidos que tiveron a sorte de probalo. Este todo en un da firma da mazá non chegará ó noso mercado (para desgraza dos seareiros) até ben entrado o cuarto trimestre do ano, e o seu prezo roldará os 500 ou 600 euros, unha cifra que vainos deixar a moitos fóra de xogo. Mais, Canal PDA vén de achegar alternativas máis ou menos discutibles (máis máis ca menos) para os que non poden agardar a chegada deste aparello ás tendas: dúas alternativas de emerxencia. A primeira é un programa para transformar en iPhone os Treo e outros modelos de Palm e a segunda é un iPhone recortable co que poder retratármonos e gabarnos logo de estar á ultima en tecnoloxía.

Os expertos aseguran que o luxoso dispositivo de Apple lle poñerá as cousas difíciles a Palm e ós seus Treo pero antes de que esta situación de competencia chegue a ser preocupante, xa hai de quen se adiantou e presentou o iPhony, un programa que serve para substituír o lanzador de aplicacións de Palm OS por outro con iconas idénticos ás do iPhone. O nome é un xogo de palabras entre iPhone e Phony (falso en inglés), e a aplicación presenta en pantalla unha grella de 4 x 4 iconas fixas que se seleccionan tanto co punteiro ou o dedo como co navegador en cinco posicións.

Cada un destes símbolos é configurable para que arranque a aplicación que desexemos, mensaxeiría, navegador ou calquera outro programa dispoñible no Treo.

A outra alternativa para os bulebules xa é moito máis discutible: o iPhone recortable, unha maqueta en PDF do teléfono de Apple a tamaño real para imprimir, recortar e montar sobre calquera PDA con Windows Mobile e presumir de dispositivo de última xeración antes de que este chegue ó mercado. Din os que o probaron que “dá o pego”, mais, iso si, corremos o risco de pasar por parvos ante os que descoñecen o chiste da páxina web.