A feira Brexo STEAM celebra con éxito a súa segunda edición

xoves, 13 de xuño do 2024 Redacción

O CEIP Emilio González López celebrou hoxe con grande éxito a segunda edición da Feira Brexo STEAM cunha asistencia de máis dun milleiro de persoas, contando coa entusiasta participación de todo o alumnado. Desenvolveuse cun formato de mostra universal, ofrecendo aos asistentes un fascinante percorrido por máis de 10 países a través de experimentos e obradoiros diversos.
Desde as 16:30 ata as 19:00, tanto os alumnos de Primaria como os de Educación Infantil gozaron e aprenderon nun ambiente de ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas. Os expositores foron atendidos por membros do profesorado do Centro e varias alumnas e alumnos de Educación Primaria, quen ademais, axudaron aos máis pequechos nos expositores de Educación Infantil, facilitaron a interacción e a aprendizaxe das persoas visitantes, fomentando a implicación de todo o centro nesta actividade educativa e divulgativa.

Preto de 40 actividades científicas de 12 países ante máis de 1.000 persoas

Durante a feira, mostráronse preto de 40 experimentos e talleres dunha totalidade de 12 países. Deste xeito, achegouse información das pirámides de Exipto, da muralla chinesa coa construción Kapla, estudáronse as liñas de Nazca nunha superficie de area, os mosaicos da antiga Roma, a clepsidra grega, a Torre Eiffel en Duplo ou un foguete da Nasa co leite, entre outros.
A resposta da comunidade educativa e das familias foi abafadora, cunha asistencia que superou as 1.000 persoas, entre estudantes, nais, pais e veciñanza da localidade. A feira non só cumpriu cos seus obxectivos educativos, senón que tamén logrou crear un espazo de encontro e colaboración entre diferentes xeracións e disciplinas.
O equipo directivo do centro expresou a súa satisfacción cos resultados desta edición. Dende o centro apuntaron que «somos un colexio pequeno mais estamos orgullosos de ofrecer unha experiencia tan enriquecedora e esperamos que esta iniciativa continúe medrando nos vindeiros anos».

PUBLICIDADE