A feira Cultur.gal 08 achéganos ás novas tecnoloxías a través da cultura

luns, 1 de decembro do 2008 Raquel Noya

Dende o vindeiro xoves, día 4, ata o domingo 7 de decembro, vai ter lugar no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco), a segunda edición da Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal, un evento que promove e ofrece produtos e servizos relacionados coa cultura en Galicia para facérllelos chegar a toda a cidadanía e darlles visibilidade entre a mesma nas súas diferentes versións, soportes e sectores.
Os libros, o audiovisual, a música, as artes escénicas, os servizos socioculturais e as novas tecnoloxías da cultura e do lecer teñen cabida por igual neste caixón de xastre que organiza a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia en colaboración con diversas entidades dos devanditos sectores.
Despois dunha primeira edición que tivo lugar en Pontevedra en maio de 2007, promovida pola AGE, esta segunda edición pretende consolidar a feira, aumentar a participación de tódolos ámbitos culturais do país e incrementar a presenza de público profesional e xeral.
O primeiro dos actos destacados para a axenda particular de Código Cero (que ben quixera facerse eco de tódalas actividades da Feira sen excepcións) vai a ser o Foro de debate sobre o audiovisual e as novas tecnoloxías que terá lugar o xoves 4 de decembro ás 16:15 horas e no que participarán representantes da Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), da Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA) e da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), entre outros organismos como o Clúster Galego do Audiovisual ou a Axencia Galega do Audiovisual.
Os asistentes ao devandito foro comezarán debatendo o tema dos Novos soportes. Novos modelos de negocio e continuarán con Ideas e Talento. A verdadeira produción.
A nosa axenda ten continuidade o venres día 5 de decembro, coa asistencia á Xornada, Coñecer para innovar e mellorar. Vis a vis de novas tecnoloxías, organizada por Eganet e dirixida ás empresas culturais e ao ensino para achegarlle as ferramentas de innovación e de cooperación entre empresas culturais e empresas de novas tecnoloxías de toda a Comunidade.
Por último, no marco das II Xornadas da industria musical en Galiza, que teñen lugar tamén en Cultur.gal, asistiremos, o xoves día 4 de decembro ó relatorio, o Sector independente e os dereitos musicais na era de Internet, onde nos poremos ao día das últimas tendencias musicais na Rede, da man da xerente de Everlasting Records and Popstock Distribuciones e presidente da UFI (Unión Fonográfica Independente), Mark Kitcatt.