A feira RetroMadrid xunta os afeccionados á informática clásica

venres, 7 de marzo do 2008 Marcus Fernández

A feira MadriSX & Retro cambia este ano o seu nome a RetroMadrid, e acollerá no madrileño Centro Cultural El Grego durante o sábado 8 de marzo entre as 10:30 e as 18:30 horas a toda unha multitude formada por nostálxicos da tecnoloxía, que poderán ver e usar ordenadores clásicos e consolas de videoxogos emblemáticas.
Este certame nacera de afeccionados ó vello MSX, pero nas últimas edicións se abriu a outras plataformas, polo que permite rememorar ordenadores domésticos, coma o Spectrum ou o Amstrad CPC, e videoconsolas, como a Nintendo ou a Dreamcast.


Vídeo musical sobre a pasada edición da feira

A listaxe de expositores presentes en RetroMadrid é bastante completa: Atari (con ordenadores coma o Atari ST), AUIC (entidade organizadora da feira), Bytemaníacos (zona de probas con distintos sistemas de 8 e 16 bits, así como da Dreamcast), Computer Emuzone Games Studio (emuladores de sistemas clásicos), DCIberia (centrado na Dreamcast, onde se celebrarán torneos), Emuforge (con emuladores para GP2X e Dreamcast), G.U. Amstrad (con demostracións para CPC e PCW), Konamito.com (con diverso material sobre MSX), Katoshi Corporation (que amosará os seus desenvolvementos para MSX), Museo8bits (que fotografiará os equipos presentes na feira), NeuroChip (exposición e venda de produtos retroinformáticos), Octocom (venda e exposición de xogos para ZX Spectrum), RetroAcción (asociación para o estudo e divulgación da informática clásica), Utopiux (con sistemas clásicos coma o Apple I), Z80 Squeezers Team (grupo de desenvolvemento de software para MSX) e unha sorpresa que a organización non deu aínda a coñecer.
No evento tamén haberá un taller de preservación (onde expertos axudarán a recuperar ordenadores clásicos avariados) e un rastrillo onde se venderá material retroinformático.