A feira SIMO achega a Madrid as últimas novidades tecnolóxicas

martes, 6 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Hoxe comeza en Madrid a feira SIMO que se desenvolverá ata o vindeiro domingo e servirá para presentar as últimas novidades tecnolóxicas a través de 496 expositores e 105 xornadas (nas que participarán 287 poñentes).
Nesta edición 47 do salón tecnóxico poderanse seguir 10 acontecementos simultáneos nos que se divide o evento en distintas temáticas que van dende a electrónica de consumo ata o vídeo profesional.
Entre toda esta segmentación temos SIMO Empresa (espazo para os responsables das direccións tecnolóxicas e outros profesionais relacionados coas TIC), SIMO do Coñecemento (con conferencias e presentacións), Docu-SIMO (cun espazo dedicado á documentación dixital), Fórum-BARC (sobre enquisas e análises de mercado, así como o software e as infraestruturas sobre as que se sosteñen), Viveiro (para as empresas innovadoras en novas tecnoloxías), Canal Business (onde se encontran as empresas da canle de distribución informatica profesional, maioristas e provedores de solucións), Estilo de vida dixital (coas novidades tecnoloxócias para o fogar a empresa e a distribución), SIMO 2.0 (con expositores e conferencias sobre a chamada Web 2.0), e-life (evento para os afeccionados ó lecer dixital, onde os videoxogos e a multimedia atopan o seu lugar), Salón Call Center (sobre os servizos de atención telefónica), Ficod (Foro Internacional de Contidos Dixitais), APEX (con xornadas para animar ás empresas á exportación tecnolóxica) e Broadcast (13º edición do Salón Profesional Internacional da Tecnoloxía Audiovisual).
Este completo programa se complementa con máis actividades, aínda que nesta edición hai que destaca a presenza de equipos ecolóxicos, como unha impresora cunha carcasa biodegradable feita de millo ou unha impresora que aproveita as dúas caras do papel.
As entradas profesionais á edición de 2007 do SIMO custan 25 euros e as da fin de semana custarán 10 euros.