A fibra óptica supera os 4 millóns de liñas

venres, 12 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) está a publicar os datos sobre telecomunicacións correspondentes ao mes de xuño, salientando o feito de que o número de liñas de banda larga móbil superou os 38 millóns (75,2% do total), correspondendo o 85% das liñas de voz con banda larga aos tres principais operadores, de xeito que Yoigo e os Operadores Móbiles Virtuais (OMV) continúan a ter un rol moi secundario, que non conseguiría dispararse por mor do pulo que nos últimos anos colleron as ofertas combinadas de teléfono, televisión e Internet.
Pero aínda que durante os últimos anos cos balances mensuais centrásemos a vista nos móbiles, o panorama está a mudar, e volve ter relevancia o panorama fixo grazas á emerxencia da fibra óptica até o fogar (FTTH), tecnoloxía que está a medrar a un ritmo moi elevado, superando en xuño os 4 millóns de liñas (dos que a terceira parte xa corresponden a operadores diferentes de Movistar) o que supón dobrar o número de liñas en só 14 meses (e multiplicar por catro en menos de dous anos), deixando claro que é a tecnoloxía chamada a imporse nos fogares españois, onde aínda ten unha grande presenza o DSL (6,86 millóns de liñas) pese a levar anos nunha pronunciada caída, mentres que a tecnoloxía HFC (como o cable que emprega R en Galicia) parece ter comezado a caída tras chegar o mes pasado ao seu punto de inflexión.
O número de liñas fixas mantén a súa caída moi lenta, pois continúa a ser unha esixencia para gozar da banda larga fixa, o que podería mudar radicalmente se as compañías deciden seguir os pasos de Vodafone no Reino Unido.

A fibra óptica até o fogar convértese na tecnoloxía de banda larga fixa de maior crecemento nos últimos anos

PUBLICIDADE