A innovación e o emprendemento rural europeo centran un evento de FEUGA este 20 de xuño

luns, 10 de xuño do 2024 S. P.

Da idea ao mercado: impulsando o emprendemento rural a través da innovación é o título dun evento organizado pola Fundación-Empresa-Universidade Galega, ao abeiro da súa participación no proxecto europeo InnovationGUIDE (enmarcado na convocatoria European Innovation Ecosystem, que fomenta a interacción dos ecosistemas de emprendemento de España, Turquía, Países Baixos e Malta). Será este 20 de xuño en Santiago, na sede de FEUGA no Campus Sur da USC. En concreto, porase o foco en potenciar as oportunidades do emprendemento rural en sectores cruciais como como a agricultura, o turismo sustentábel, a bioeconomía e a economía azul. Participan iniciativas de éxito da nosa terra mostrando cadansúas experiencias.
Espazo de inspiración
Segundo informa a fundación, “non só será unha oportunidade para conectar cos principais actores do sector, incluíndo emprendedores, ONG, académicos e organismos públicos, senón que tamén será un espazo para inspirarse con exemplos reais de boas prácticas, discutir necesidades que servirán de base para transmitir solucións innovadoras aos desafíos que enfronta o emprendemento rural en Europa”.
FEUGA engade que “ao ser parte de InnovationGUIDE”, as e os participantes “entrarán nunha rede internacional que integra a diversos actores que se enfrontan a retos similares, accederán a información sobre oportunidades de financiamento, boas prácticas en igualdade de xénero e información sobre as actividades do proxecto”.
FEUGA explica que InnovationGUIDE está comprometido en establecer unha asemblea de innovación interrexional, conectando con ecosistemas de innovación en Turquía, Países Baixos e Malta, cunha visión a longo prazo para mellorar o crecemento económico nas áreas rurais. “Estas sinerxías permitirán desenvolver novas ideas, produtos e servizos que aborden os retos e oportunidades locais en emprendemento rural”, explica a fundación.
Catro eventos propostos
O encontro deste 20 de xuño será un dos 4 eventos propostos (un por cada país participante) no marco deste proxecto europeo para avanzar na identificación das barreiras e oportunidades do fomento de emprendemento en ecosistemas rurais co obxectivo de obter un marco común homoxéneo que transmitir en forma de políticas e guías de transferibilidade a outros ecosistemas.
Dous bloques na cita de Santiago
O programa busca analizar os retos e oportunidades desde o punto de vista de emprendedores, empresas tractoras do sector, investigadores e institucións públicas, está dividido en dous bloques. O primeiro, dedicado a analizar barreiras e identificar oportunidades para o impulso do emprendemento rural nos 4 sectores analizados, contará con relatores como Tania Blanco, COO de Salmoira; José Cuadrado Oural, promotor de Terras da Mariña; Oscar Rodil Marzabal, profesor e investigador de Desenvolvemento Económico e Innovación na Universidade de Santiago de Compostela; Lucía Afonso, pastora de abellas en Sovoral; Juan Carlos Pérez Rodríguez, CEO de Aldealista; Juan Picos, profesor e investigador de Enxeñería Agroforestal na Universidade de Vigo ou Jacobo Garcia Durán, director de Turislab. Na segunda parte da cita, expertos convidados falarán do proceso que implica impulsar a idea ó mercado no rural. Así, Higinio Mougán Bouzon, director de Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias; Beatriz Suárez Sánchez, directora do área de desenvolvemento rural da Fundación Juana de Rivas; Carmen Pumariño Álvarez da asociación Startup Galicia ou Manuel Soliño, presidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) serán algúns dos participantes na mesa de debate.
O evento contará, como complemento, cun espazo expositivo con stands de empresas e emprendedores rurais, que poderán achegar o seu traballo ao público no espazo da pausa-café, tamén un momento de networking para todos os asistentes.
O proxecto InnovationGUIDE está integrado pola Asemblea de Exportadores Turcos (TIM), a Universidade de Maastricht, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), o Malta College of Arts Science and Technology (MCAST), a Asociación de Emprendedores Sociais de Malta (SEAM) e o StartupCentrum.

PUBLICIDADE