Instagram permitirá directos limitados aos mellores amigos

xoves, 20 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Os comportamentos tóxicos nas redes sociais está a levar que cada día sexan menos sociais e máis privadas, de xeito que non son poucos os usuarios que prefiren limitar o alcance das súas publicacións para que as súas interaccións en liña sexan máis saudables mentalmente, de aí que agora dende Instagram estean a ampliar aínda máis as posibilidade de interacción cos mellores amigos.
Lembremos que inicialmente podiamos definir unha listaxe de usuarios chamada mellores amigos aos que limitar a difusión de historias, permitindo así que certos contidos tivesen unha difusión contida nun ámbito próximo e seguro. Hai uns meses esta funcionalidade trasladouse tamén aos Reels, que agora poden limitarse tamén aos mellores amigos e, continuado nesa liña, agora están a probar a posibilidade de que as emisións en directo a través de Instagram poidan limitarse a eses contactos máis achegados, o que pode resultar moi acaído para emisións máis íntimas, persoais ou, simplemente, familiares.

PUBLICIDADE