A mocidade debatirá sobre o uso das redes sociais na primeira edición do Parlamento Xove
luns, 8 de febreiro do 2010
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta está a organizar
entre os estudantes de ESO e Bacharelato do noso país a primeira edición do Parlamento
Xove, unha iniciativa que pretende “potenciar
o diálogo como ferramenta de ideas propias entre a mocidade galega”, e que,
a través do debate, vai por sobre o taboleiro a dualidade do uso das redes
sociais por parte dos menores.
Trátase dunha competición entre centros de ensino da Comunidade na que os
participantes deberán integrarse en diversos equipos para investigar, escribir
e debater sobre o tema proposto pola organización, que nesta ocasión será se o
uso das redes sociais separa ou une á mocidade.
Así, a iniciativa dividirase en dúas fases. Unha inicial de investigación e
argumentación de ideas e outra final no que terá lugar o debate dialéctico en
galego. Así, o obxectivo principal da actividade é que os estudantes poidan
amosar as súas habilidades a nivel persoal e de grupo na selección de
información, na expresión escrita e oral, na creatividade e no traballo en
equipo.
O calendario de actividades será o seguinte: ata o 15 de febreiro os
interesados poderán inscribirse na actuación; do 15 a 28 de febreiro terá lugar
a entrega dos artigos; do 1 ao 15 de marzo deberá estar feito o dossier; o 26
de marzo Xuventude anunciará os equipos que pasarán á fase do debate que se
celebrará o 24 de abril.
Para anotarse ao Parlamento Xove, os centros de ensino deberán primeiro
comunicar a súa intención de participar nos teléfonos 981 545 822 ou 981 541
689. Cada un dos equipos estará formado por 6 alumnos e un profesor. Cada
centro poderá anotar a dous equipos, aínda que o segundo que inscriba estará
nunha lista de espera.
Unha vez adxudicado ao centro a súa praza ou prazas na competición,
deberase enviar por correo certificado o formulario de inscrición antes do 15
de febreiro á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Deberá incluír a
composición do equipo e o selo do centro de ensino. O formulario pode
descargarse na páxina oficial da
competición, xunto co cal se debera remitir a fotocopia da matrícula ou o
certificado de matriculación dos alumnos e alumnas co selo do colexio ou
instituto e a fotocopia do DNI de cada membro do equipo.
O equipo gañador da primeira edición do Parlamento Xove acadará unha viaxe
sorpresa e un notebook para os membros do equipo. O equipo que se enfronte no
debate ao que gañe tamén será premiado cun notebook. Os que elaboren o mellor
dossier de investigación recibirán unha videoconsola para cada un dos membros
do equipo e o autor individual do mellor artigo terá un notebook e os seus cinco
compañeiros un disco duro portátil.