A nova aplicación de OneDrive permite acceder a documentos de Office en Xbox One

luns, 13 de marzo do 2017 Marcus Fernández

A aplicación de OneDrive para Xbox One vén de renovarse, avanzando na Universal Windows Platform (UWP), de xeito que xa non se limite a facilitar o acceso ás fotografías que teñamos almacenadas no servizo na nube de Microsoft, senón que agora permite ter acceso a todos os arquivos, o que resulta de especial interese no caso dos documentos de Office, xa que agora poderemos velos dende a consola de Microsoft aproveitando as versión en liña de Word, Excel e PowerPoint, o que non só facilitaría a visualización dos nosos documentos ofimáticos nun televisor, senón que tamén sería de utilidade para realizar pequenas edicións dos mesmos.
Cómpre salientar que actualmente a nova aplicación de OneDrive non permite acceder a documentos PDF (por non ter unha aplicación asociada aos mesmos), aínda que o simple feito de que facilite a reprodución de presentacións en PowerPoint xa é incentivo dabondo para o seu uso, xa que convértese nun xeito moi atractivo e cómodo de realizar presentacións valéndonos dun televisor ao que teñamos conectada a consola.
Curiosamente, para o vello uso da aplicación de OneDrive, poder ver as nosas fotografías na nube a xeito de presentación, a nova versión de OneDrive remítenos a unha nova aplicación, Fotos de Microsoft, que pode acceder aos documentos almacenados en OneDrive.

PUBLICIDADE