A perda do soporte de Linux para a PS3 podería custar millóns de dólares a Sony

xoves, 6 de maio do 2010 Marcus Fernández

A medida anti-piratería emprendida por Sony ao eliminar o soporte de Linux para a PlayStation 3 co lanzamento do firmware 3.21 podería saírlle cara á compañía nipona, pois podería ter que enfrontarse a unha demanda colectiva ao eliminar unha prestación nun dos seus produtos, de xeito que tería que indemnizar aos compradores duns 30 millóns de consolas, estimándose que nos EE.UU.poderían xuntar ata a 9 millóns de afectados aos que ter que compensar economicamente. De feito, un usuario particular xa conseguiu un reembolso de 100 dólares ao perder o soporte de Linux na súa PS3, e aínda que as autoridades xudiciais decidisen unha cantidade moi inferior, parece evidente que este problema vai ocasionar a Sony moitos quebradeiros de cabeza durante os vindeiros meses, así como afectar negativamente á súa imaxe.