A plataforma educaBarrié financiará con 24.000 euros cinco proxectos innovadores dos nosos centros docentes
mércores, 15 de xaneiro do 2014
- Dende o IES de Cambre deféndese o emprego da tecnoloxía para o achegamento dos alumnos a áreas como a xeoloxía
A Fundación Barrié, a través da
súa canle de innovación educaBarrié, vén de elixir
os cinco proxectos escolares para o seu financiamento. A entidade
destina nesta convocatoria até 24.000 euros. As iniciativas elixidas
salientan por ter alicerces firmes en materia de fundamentación
didáctica e de potencialidade para servir de exemplo de boas
prácticas para outros centros. Teñen en común apoiarse nas mesmas
áreas de actividade da fundación: investigación, cultura,
patrimonio e acción social. Cada un destes proxectos obterá un pulo
de entre 3.000 e 6.000 euros. De aquí ao remate do curso, o equipo
didáctico de educaBarrié apoiará o desenvolvemento das
iniciativas. Entre estas, atópase unha achega do IES David Buján,
de Cambre, dirixida a estimular pola vía das TIC as vocacións e os
coñecementos científicos. Baséase no emprego da plataforma Virtual
Sciencie Hub e preséntase co epígrafe de Ciencia cidadá na
escola.
Lembrar que este centro recibirá
en Bruxelas o primeiro premio científico do Virtual Science Hub
(ViSH) grazas en parte ao devandito proxecto. De feito, o IES
David Buján obtivo o primeiro absoluto e máis o primeiro premio na
categoría de Estudos Medioambientais a través da iniciativa
Guía de identificación de minerais mediante códigos QR.
Nesta experiencia participan alumnos de segundo de bacharelato da
materia de Xeoloxía do devandito centro, e eles mesmos serán os
encargados de recoller o galardón en Bruxelas durante este mes de
xaneiro. Na competición, a plataforma científica ViSH quixo
recoñecer os valores das iniciativas reflectidas no seu portal. Ao
certame presentáronse varios centros de ensino, investigación e
divulgación de toda Europa. Respecto á proposta galega, tívose en
conta o seu potencial para abrir portas á investigación, crear
vocacións e quitarlle ferro a actividades como o estudo dos
minerais. Buscouse que os rapaces adquirisen coñecementos para a
identificación de minerais atendendo ás súas propiedades físicas
e químicas “e seguindo o guión de prácticas de ViSH no móbil á
vez que se empregaba como guía de materiais con indicación das
características xerais e localización xeográfica”. Asemade, o
proxecto tirou proveito dos códigos QR, incrementando a competencia
tecnolóxica dos participantes.
Volvendo a convocatoria de educaBarrié, dicir que
amais das iniciativas levadas a cabo dende o IES de Cambre, elixiuse
un proxecto web (Fala
Londres) para a dinamización educativa e cultural en galego
desenvolvido polo IES Vicente Cañada Blanch, de Londres. A maiores,
escolmouse unha achega de integración social achegada polo CIFPA
Xunqueira (Pontevedra) a través da adaptación de xoguetes e
aparellos electrónicos para os colectivos que acubilla
Amencer-ASPACE.
Igualmente escolleuse Construíndo a cultura do
pensamento eficaz, do CPR San Xosé de Pontedeume, unha
experiencia de integración da intelixencia emocional en tódolos
cursos do dito centro. Outro dos proxectos elixidos foi Tralas
pegadas de Díaz de Castro, un roteiro interactivo pola
poesía, o lugar e a persoa, do IES Poeta Díaz Castro de
Guitiriz (Lugo), iniciativa desenvolvida en colaboración coa
Asociación Cultural Xermolos e o Grupo de Investigación de
Pedagoxía da Universidade da Coruña.