A primeira edición de Faro Gaming converterá Vigo en centro de operacións gamer

mércores, 12 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Avanza a presenza do lecer dixital (videoxogos, eSports, competicións en liña, etc) entre a nosa mocidade, e, de xeito paralelo, increméntanse as oportunidades para que a comunidade de seareiros intercambie coñecementos e interactúe. Entre estas “oportunidades” atópase a primeira edición de Faro Gaming, un evento que está a chamado a ser o espazo común galego para todas e todos os amantes dos videoxogos. O evento celebrarase da man do Faro de Vigo, entre os días 14 e 16 de xuño. O lugar elixido é o Auditorio Mar de Vigo e o obxectivo “construír o futuro dos deportes electrónicos na cidade”. Colaboran a UVigo, R e mailo proxecto Faneka Gaming.
Todas as entidades participantes xuntaron forzas cun reto común: poñer Vigo no espazo central da actividade gaming e darlle á comunidade local e galega (unha comunidade moi puxante) o espazo de encontro que se merece. Ao mesmo tempo, tentarase reflectir e reivindicar o máis que relevante potencial da nosa industria dos videoxogos, segundo lembra Bruno Rodríguez, organizador do evento e director de sistemas no Faro de Vigo.
O auditorio Mar de Vigo transformarase durante a vindeira fin de semana “nun gran espazo adicado ao universo gamer”. Haberá ordenadores, consolas, realidade virtual, obradoiros, mesas redondas, charlas e ata un campo de fútbol. Será, en palabras da organización, “un festival ateigado de atractivos para todo tipo de xogadores e xogadoras, dende principiantes ata os máis expertos”.
No centro de atención situaranse os deportes en liña: haberá torneos afeccionados de League of Legends, FIFA, Clash Royale e Brawl Stars.
Amais, o Faro Gaming achegará diversas experiencias do mundo dos videoxogos e da tecnoloxía, a través de varios módulos de programación. Nun deles, dedicado aos videoxogos independentes, a organización traerá en exclusiva a diferentes estudos de videoxogos, de Galicia e España, para que o público poida coñecelos de primeira man e probar as súas novas creacións antes de que saian ao mercado.
Noutro, un punto de showmatch, as e os participantes coñecerán e xogarán cos seus creadores de contido favoritos aos videoxogos competitivos máis importantes do momento. Ademais, Faro Gaming contará tamén con distintos recantos de lecer nos que se ofertarán distintas experiencias: unha zona retro, probas de realidade virtual, un espazo con simuladores de carreiras de última xeración para os apaixonados do motor, e ata un campo de fútbol, de céspede artificial, onde os seareiros poderán xogar de forma libre ao FIFA.

PUBLICIDADE