A programación da Mobile Week Coruña presentouse no Concello da Coruña
mércores, 14 de novembro do 2018
O edil de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da
Coruña, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación municipal dentro
da súa colaboración coa primeira edición da Mobile Week Coruña, «un evento de
transcendencia e relevancia de cidade» que se celebra na Coruña e a súa área
metropolitana entre o 21 e o 28 de novembro.
«Somos a primeira cidade fóra de Barcelona que é escollida como sede da Mobile
Week, unha oportunidade histórica que non vén da nada. Ten que ver co
posicionamento da cidade en termos de innovación e de tecnoloxía, con proxectos
e contribucións como Coruña Dixital, o proxecto Red.es, a plataforma de
participación A Porta Aberta, a propia actividade dos museo científicos sobre
divulgación e innovación, cuestións como a aposta pola migración ao software
libre ou incluso algúns proxectos de cidade como a EidusCoruña, na que se
plantexa esa perspectiva dunha cidade que avance a través de pautas de
innovación», manifestou o edil, quen cualificou a programación como un «maremagnum
brillante que servirá de espazo de reflexión e de divulgación co obxectivo
principal e achegarse a cidadanía e ter un efecto divulgativo e democratizador
da innovación tecnolóxica».
O concelleiro de Culturas estivo acompañado na rolda de prensa polo responsable
municipal de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen agradeceu «á
organización e ás persoas que pularon porque a nosa cidade fose elixida
sede deste evento», o director executivo da Mobile Week Coruña e membro da directiva
do Club Financiero Atlántico, Guillermo Taboada, e a coordinadora de contidos e
actividades do evento, María José Malmierca.
A colaboración do Concello coa Mobile Week, ademais dun
convenio que concreta a achega económica e a cesión de espazos, concrétase na
organización de dous obradoiros )un sobre e-textiles e outro dirixido a público
xuvenil denominado cacharreo tecnolóxico)
a cargo dos Museos Científicos da cidade e de Bricolabs (realiza actividades
vinculadas á zona maker da Domus), e
unha mesa redonda arredor dos proxectos TIC que se están a impulsar dende unha
perspectiva local e dende as administracións municipais, que organiza a
Concellería de Participación e Innovación Democrática.
Esta charla, que terá lugar o día 22 no Ágora ás 16:00
horas, aborda programas municipais relacionados coa innovación tecnolóxica e no
ámbito do social. A edil responsable de Participación, Claudia Delso, afondará
no proxecto Cidade Abertas: Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativo e
interoperable, no que están implicados os concellos da Coruña, Santiago,
Zaragoza e Madrid e que foi seleccionado dentro da convocatoria de cidades
intelixentes de Red.es. A concelleira achegará tamén a experiencia do Co-Lab e
a Forxa do Co-Lab, o laboratorio cidadán da Coruña, un espazo aberto para a
posta en común de distintas capacidades, visións e coñecementos co obxectivo de
deseñar e desenvolver accións para a mellora da contorna. No seu
desenvolvemento, contouse tamén cun proxecto de código aberto, transparente e
documentado, a forxa, un repositorio transmedia aberto e de libre uso que
incorpora toda a documentación producida durante o proceso de construción
colectiva do laboratorio. Pola súa banda, o concelleiro de Culturas presentará
Coruña Dixital, unha iniciativa municipal para expandir na cidade novas
prácticas culturas e creativas xurdidas dende as redes dixitais. Estarán tamén
Alberto García por parte de Cartolab da Universidade da Coruña para introducir
Emapic, un sistema que facilita a representación de coñecementos, opinións e
sentimentos sobre un mapa; unha persoa representantes de GPUL, entidade
organizadora dos Hackatiños de Datos Abertos, un grupo de programadores e
persoas usuarias de Linux, que defende a democratización do acceso á tecnoloxía
mediante a reutilización do código para aprender, incrementar a privacidade e
para mellorar o software; e Arantxa Serantes, do Proxecto Cousateca, unha
biblioteca aberta a cousas de todo tipo que se desenvolveu no marco do Co-Lab.
Tal e como detallou o edil, o Concello facilita tamén o uso
de diversos espazos na cidade (Teatro Colón, auditorio do Ágora, a Domus e o
centro cívico da Cidade Vella) que permiten «abrir a programación da iniciativa
a todos os públicos e expandila por diferentes barrios da cidade», e colabora
tamén de xeito económico a través dun convenio de 30.000 euros do Consorcio de
Turismo. O presidente deste ente e tamén edil de Emprego e Economía Social
salientou na súa intervención que este evento «posiciona A Coruña na primeira
división» da organización de encontros baseados na innovación, unha decisión,
dixo, na que seguro influíu a «o tecido de empresas especializadas na produción
de novas tecnoloxías que se está a constituír na Coruña e na súa comarca como
referencia no noroeste península».
A Mobile Week Coruña, que comeza o vindeiro día 21 cunha
inauguración no Teatro Colón na que porá a música a Banda Municipal, é unha
iniciativa organizada por Mobile World Capital Barcelona, que fusiona arte,
ciencia e tecnoloxía para crear espazos de reflexión sobre a transformación
dixital e o seu impacto na sociedade actual. Tras dúas edicións anteriores que
tiveron lugar en Barcelona, este ano celébrase na Coruña co obxectivo de
trasladar e dar continuidade no Eixo Atlántico o debate sobre as implicacións
que, a nivel social, económico e cultural, ten a transformación dixital.
A responsable de programación, María José Malmierca,
destacou a boa acollida do evento na cidade, «que multiplicou por 10 a programación
prevista inicialmente grazas ao pulo da comunidade de administracións e
empresas, pero tamén polas propostas de persoas individuais». Isto concretouse
en máis de 100 actividades -charlas, obradoiros, exposicións e actividades
infantís- que xiran, como indicou, arredor de seis eixes temáticos: a
Aula do Futuro, que aborda o sistema de coñecemento dos e das máis novas tanto
dentro como fóra das institucións escolares; Territorio Galicia Futuro, sobre
os retos de transformación dixital e innovación para a cidadanía e as empresas;
Revolución Dixital no Traballo, no que se afondará no impacto da dixitalización
no mercado laboral; Comunicación e Democracia, un eixe que tratará a
interacción entre a cidadanía e as administracións, así como a xestión das
cidades; Futuro Dixital, para tod@s?
e Ética e Tecnoloxía, dous bloques
cunha temática arredor dos valores, o potencial e os desafíos da
dixitalización.
