A robótica asistencial xaponesa deixarase ver na Coruña
xoves, 17 de novembro do 2016
Entre
os días 23 e 25 de novembro vai celebrarse a I Semana Cultural Xaponesa en
Galicia, con actividades en A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela que van
dende exhibicións de judo, kendo e
aikido, ata charlas e obradoiros de cociña xaponesa, entre as que queremos
destacar unha conferencia
que terá lugar na sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía
(MUNCYT) sobre a estratexia robótica no Xapón.
A este encontro acudirá Kenji Hirata, ministro da embaixada do Xapón, quen
estará acompañado por Celestino Álvarez, CEO de Adele Robots, quen
presentará a Nüka, un exemplo de
robótica asistencial que consiste nun robot con forma de bebé foca desenvolvido
no Instituto Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Industrial Avanzada do Xapón
(AIST) e que ofrece uns beneficios semellantes aos da terapia animal suprimindo
os riscos derivados desta.
O deseño do robot convérteno nunha criatura
entrañable, indicada para ser utilizada en tratamentos con persoas con síntomas
de demencia, persoas maiores, nenos hospitalizados ou persoas con algunha
discapacidade psíquica, onde é preciso traballar a parte afectiva.
A conferencia está aberta ao público xeral, con entrada libre ata completar
aforo, e terá lugar o venres 25 ás 18:00 horas no salón de actos sito no
terceiro andar do MUNCYT Coruña, dende onde tamén dan conta de que durante o
sábado e o domingo desenvolverán obradoiros e diversas actividades sobre
robótica dirixidas a toda a familia, o que facilitará que os visitantes coñezan
a BeeBot, Primo, Dash, Kbot e mBot, creen videoxogos 3D con Kodu ou manexen un
simulador de viaxe espacial no obradoiro de Kerbal.
