A sección software do grupo galego Vindeira deu a coñecer os seus proxectos en Madrid

venres, 23 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía galega vaise fóra. Ou, mellor dito: estende o seu eido de acción. Disto, de darse a coñecer noutros espazos (un dos fins últimos de calquera innovación e desenvolvemento) é do que tratou a concorrencia do grupo TIB de Vindeira nas xornadas Living CMMi celebradas en Madrid, uns encontros organizados por Sopra-Profit (socio en España dunha das entidades que máis traballan no mundo a prol da mellora da programación: Software Engeneering Institute).
A xuntanza, celebrada o pasado 20 de maio, contou desta volta coa participación de Eads-Casa, Daimler-Mercedes ou RSI. Todas estas compañías, xunto co grupo Vindeira (entidade galega de colaboración empresarial da que temos falado xa nesta mesma web), afondaron polo miúdo nas súas experiencias en traballos de enxeñería de software segundo o modelo CMMi, indo os seus froitos encamiñados a sectores como a construción aeronáutica ou a automoción.
Enrique de Miguel, coordinador do devandito grupo TIB, foi o encargado de dar a coñecer os traballos galegos a través do relatorio Vindeira: orientación de 10 pemes tecnolóxicas galegas á excelencia software e á creación de software en rede baixo o modelo CMMi. Sinalar que os proxectos destas dez compañías asociadas (baixo o contorno de Small Settings) estarán en breve falando polo miúdo dos seus proxectos no co congreso europeo SEPG2008 en Múnic. Nesta cita está previsto que se afonde nos resultados da proposta liderada polas empresas galegas 2Mares, Aldaba, Altia, Bahia Software, Imaxin, Igalia, Lambdastream, Sat Data e Shylex, todas elas cooperando no devandito grupo TIB da plataforma galega Vindeira.
Polo que respecta ó evento de Madrid, dicir que (tal e como sinala o propio Enrique de Miguel no blog do proxecto) serviu entre outras cousas para dar a coñecer algúns dos froitos do dito consorcio (chamado Excelencia Software 200), encamiñado a crear unha imaxe de marca das compañías integrantes a nivel nacional e internacional, “así como fomentar o xurdimento da masa crítica das empresas galegas que poidan participar en grupo na xeración de produtos software”.