A sede de Televés en Conxo acolleu a nova sesión plenaria da Cámara de Santiago
xoves, 23 de maio do 2024
A Cámara de Comercio de Santiago celebrou este 21 de maio unha nova sesión plenaria na sede da empresa tecnolóxica Televés, no barrio de Conxo, ao abeira da estratexia da entidade por deslocalizar as súas sesións de traballo, co obxectivo de abrirse ao tecido produtivo da súa demarcación territorial. Na sesión estiveron presentes Santiago Rey, director executivo (CEO) de Televés Corporación e o seu secretario xeral, Jorge Lorenzo.
A presidenta da Cámara, María Pais, e o resto de vogais do pleno da Cámara de Comercio tiveron ocasión de coñecer de primeira man as áreas de negocio e os proxectos nos que está a traballar esta empresa, referente internacional no deseño, desenvolvemento e fabricación de solucións para infraestruturas de telecomunicacións tanto no ámbito do fogar como en edificios e cidades, que conta con máis de 20 firmas industriais e de servizos e emprega a máis de 900 persoas en distintos países.
Na súa intervención, Jorge Lorenzo destacou o labor de investigación continua da Corporación o que posibilita que teñan superado os 200 rexistros de propiedade industrial, 80 dos cales son patentes de invención, así como o compromiso da firma coa I+D+i á que destinan o 7% da cifra de negocio da entidade.
A sesión contou tamén coa intervención da responsábel da área de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Corporación provincial (Deputación da Coruña), Rosa Ana García López, quen destacou a labor da Cámara compostelá no desenvolvemento económico e a promoción de iniciativas empresariais innovadores e sostibles. Neste sentido, manifestou a vontade de colaboración da Deputación coa entidade cameral para a posta en marcha de programas de apoio ao tecido empresarial da provincia, mediante a prestación de servizos orientación, asesoramento, acompañamento, mentoring e financiamento a persoas emprendedoras e empresas no seu proceso de desenvolvemento e consolidación.
De igual xeito informou sobre os esforzos que se están a realizar desde a Deputación da Coruña para apoiar ás empresas e persoas emprendedoras a través do Plan de Emprego Local (PEL), o cal, ten como obxectivo principal “fomentar o emprego de calidade, promover o emprendemento como motor de xeración de emprego e creación de empresas, especialmente en áreas rurais, buscando así fixar poboación e mellorar o benestar social no noso territorio, contribuíndo desta forma ao desenvolvemento socioeconómico da provincia”. Segundo este fío dixo que "nos últimos oito anos, o PEL investiu máis de 106 millóns en axudas e proxectos dirixidos a mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, así como á creación de máis de 6.000 empregos directos".
Pola súa banda a presidenta da Cámara, María Pais, destacou o compromiso da entidade "co fortalecemento do tecido empresarial e a promoción do crecemento empresarial e o emprego da demarcación cameral, traballando en estreita colaboración cos axentes clave do territorio, como é a Deputación, polo que agradeceu o compromiso compartido para lograr un desenvolvemento socioeconómico sostíbel e equitativo".