A semana que vén terá lugar o primeiro foro galego sobre os retos e oportunidades do 5G
mércores, 20 de xuño do 2018
O vindeiro 27 de xuño Santiago acollerá o foro Oportunidades e retos das redes 5G, organizado pola AMTEGA e a AETG,
no que debaterase sobre o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto
que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial
do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.
O encontro busca ofrecer os puntos de vista, inquietudes e
expectativas de todos os axentes implicados polo que está estruturado en
diferentes bloques para dar voz a operadores, fabricantes, clientes,
administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de
5G.
Tecnoloxía 5G e marco estratéxico
Como punto de partida o primeiro bloque do encontro será un
relatorio sobre que son as redes 5G da man de José Carlos López Ardao, profesor
da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
O segundo bloque abordará o marco estratéxico ante o 5G co
relatorio dun representante da Secretaría de Estado para a Sociedade da
Información e a Axenda Dixital. A continuación terá lugar unha mesa redonda na
que diferentes representantes de entidades e grandes empresas de diferentes
ámbitos, como o Sergas ou PSA, abordarán as posibles aplicacións, as
oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en
Galicia.
Operadores e fabricantes
O terceiro bloque centrarase nas perspectivas das redes 5G
desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, head of Data
Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier
Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas
de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, exporán o papel
que desempeñarán as 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e
problemáticas que ven sobre o seu despregamento.
A mesa redonda dos fabricantes achegará a súa visión do
futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón.
Head of Strategy, Gov’t & Industry Relations, Marketing &
Communications de Ericsson: Álvaro Sánchez. Head of Telefónica Account at
Nokia; e José Nicolás Domínguez-Staedke, Strategy & Business Development at
Colmena.
Entidades con iniciativas baseadas en 5G
O cuarto e último bloque servirá para expoñer iniciativas
específicas de uso do 5G da man de entidades que están xa desenvolver solucións
concretas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e
Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, Innovation Manager at Quobis; Luis Pérez
Freire, director General de Gradiant e Céctor Estévez, Director General de
Centum Research & Technology
As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase
que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a
converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto
con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet
das cousas.
A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas
promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo
prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.
