A serie documental da AS-PG sobre a nosa riqueza toponímica, no Portal da Lingua
martes, 1 de febreiro do 2022
A
semana pasada, o xoves 27, celebrouse o acto de presentación da
serie de documentais Os nomes da nosa terra, un proxecto da
Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG) apoiado pola Secretaría
Xeral de Política Lingüística ao abeiro do Fondo de Proxectos
Culturais Xacobeo. O obxectivo deste proxecto é “transmitir ao
espectador o interese pola orixe dalgúns dos máis de dous millóns
de topónimos que cobren, coma un manto de historia, a xeografía
galega”. Na
cita participou Valentín García, secretario xeral de Política
Lingüística, quen dixo que “Galicia ten unha riqueza toponímica
excepcional que cómpre difundir e coidar”. Tamén lembrou que
os documentais poden
verse en liña a través do Portal da Lingua.
Valentín
García lembrou tamén que o tesouro patrimonial dos nosos nomes
lugar é un caso único na xeografía estatal en Europa: “Pese a
ocupar só un 6% do territorio do Estado, contén sobre un terzo das
entidades de poboación de España, e iso só respecto á toponimia
maior, pois a cifra crece ata os máis de 2 millóns de topónimos
cando incluímos a coñecida como microtoponimia, que perdura
fundamentalmente na memoria do pobo”.
Recordou
tamén que para salvagardar este patrimonio cultural, a Xunta e a
Real Academia Galega desenvolveron unha importante ferramenta online
colaborativa, Galicia
Nomeada. “Trátase dunha aplicación que articula toda unha
plataforma para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da
microtoponimia galega e de toda a tradición oral que leva asociada”,
explicou o secretario xeral.
Pola
súa banda, Vicente Feijóo, asesor na elaboración do proxecto,
engadiu que neste momento Galicia Nomeada é “o proxecto máis
ambicioso e importante de salvagarda do noso patrimonio inmaterial,
porque non só recollemos os topónimos que humanizan cada recuncho
da nosa terra e do noso mar, senón toda a tradición oral asociada a
eles”. E engadiu: “Os topónimos, ao igual ca lingua, son unha
valiosa herdanza cultural que nos legaron os nosos antepasados e, por
tanto, temos a débeda con eles de recollela, valorala e
transmitila”.
Canda
Valentín García e Vicente Feijóo, tamén participou nesta
presentación, que tivo lugar Pazo de San Roque, Xosé Antón Moure,
director e guionista do proxecto, que asistiu tamén en
representación de Patricia Varela, directora da AS-PG.
Máis de 2
millóns de nomes
A
serie Os nomes da nosa terra pretende difundir, a
través dun coidado formato audiovisual, os feitos e as historias que
deron orixe a nomes de aldeas, parroquias, fincas ou corredoiras que
compoñen algúns dos máis de dous millóns de topónimos que
podemos atopar en Galicia.
Dividido
en seis capítulos, cada un deles estará centrado, respectivamente,
en Barcia de Mera (parroquia de Covelo, Pontevedra), A Coruña,
Arteixo, Oleiros, Marzoa (parroquia de Sigüeiro, A Coruña) e o
Monte Pindo (Carnota). O xornalista e condutor Fran Cañotas achega o
fío condutor deste produto audiovisual.
Os
capítulos, duns 10 minutos de duración, están dispoñíbeis no
Portal
da Lingua galega e na canle de YouTube
da Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén poderán
seguirse, semanalmente, nas redes sociais da lingua galega.