A terceira edición do Innterconecta suma 144 empresas galegas que participan en 67 proxectos mobilizando máis de 90 millóns de euros

mércores, 17 de febreiro do 2016 Redacción

O conselleiro de Economía, Emprego Industria, Francisco Conde salientou hoxe que a terceira edición do programa FEDER Innterconecta suma 144 empresas galegas, que participan en 67 proxectos innovadores que están a xerar investimentos de máis de 90 millóns de euros. Conde fixo balance da iniciativa acompañado do director xeral do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), Francisco Marín, quen explicou que “o CDTI, dependente do Ministerio de Economía e Competitividade, financiou no últimos dez anos 570 proxectos desta Comunidade Autónoma, cunha axuda pública de máis de 397 millóns de euros” e destacou o bo resultado da última edición do Innterconecta como “mostra do espírito emprendedor que manifestan moitas das empresas galegas”; proba diso, sinalou, é “o excelente resultado” que obtivo Galicia nesta última convocatoria do Programa FEDER-Innterconecta, participando en 67 dos 131 proxectos aprobados en toda España, o que sitúa a Galicia como a segunda Comunidade Autónoma, despois de Andalucía, con maior número de proxectos aprobados e liderados nesta última convocatoria.
Pola súa banda, o conselleiro engadiu que Galicia lidera nesta edición do Innterconecta 44 proxectos promovendo o avance innovador de Galicia en eidos como o das TIC, elevando o investimento total xerado polo programa nas tres edicións a máis de 300 millóns de euros, e o número total de compañías galegas participantes a 550. Esta mobilización de investimento do Innterconecta, resaltou Conde, se suma á doutros programas de innovación aberta, como o Conecta PEME, que xa ten xerado investimentos por 75 millóns. Conde resaltou ambos programas como clave para impulsar a innovación aberta en Galicia, poñendo a traballar de forma conxunta a empresas, universidades e centros tecnolóxicos.
Este compromiso coa innovación, sustentado na confianza do CDTI, defendeu Conde, resulta “clave para impulsar a nosa capacidade industrial, reforzando a transferencia de coñecemento ao mercado galego, potenciando o financiamiento dos nosos centros tecnolóxicos e mellorando a captación de capital privado para I+D+i”.