A última versión de Traducíndote soporta ficheiros de Microsoft Word

xoves, 20 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Óscar Hermida anunciou o lanzamento dunha nova versión da aplicación Traducíndote, que permite a tradución de documentos de texto baseándose en Opentrad-Apertium, o que fai posible pasar nas dúas direccións nos pares galego-español, catalán-español, portugués-español e catalán-inglés.
A vantaxe da nova versión de Traducíndote é que soporta documentos creados no formato pechado de Microsoft Word, sumándose así ós documentos creados con OpenOffice, Abiword, LaTex e mesmo para copias de seguridade de bases de datos MySQL. A tradución dos documentos respecta o seu formato (sen modificar táboas nin imaxes) polo que resulta de suma utilidade para axilizar a adaptación de documentos ás distintas linguas do Estado.
Para facer doado o achegamento desta ferramenta, Hermida tamén anunciou que se centralizará na web baixo o dominio traducindote.com.

PUBLICIDADE