A vindeira edición de TEDxGalicia celebrarase na Cidade da Cultura

mércores, 22 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O pasado mes de xaneiro celebrouse con certo retraso a edición de 2014 do evento TEDxGalicia baixo o lema do Faino ti, pero para o presente ano esta serie de interesantes relatorios que abordan temas como a tecnoloxía, o lecer e o deseño (que en inglés formas as siglas TED) vai anticiparse no calendario, celebrándose durante o vindeiro 19 de setembro no andar -1 do Museo Centro Gaias, un dos edificios máis singulares da Cidade da Cultura de Galicia, o que é posible grazas á colaboración do Centro de Emprendemento (CEM) sito no mesmo enclave.
A nova edición de TEDxGalicia estará ligada moi especialmente á cultura e á creatividade, como aceno á localización do evento que aglutinará diversos relatorios en vivo que posteriormente poderán seguirse a través da Rede, xa que o auténtico obxectivo dos eventos TED non é outro que a produción desas pezas que permitan inspirar e transmitir coñecemento moito máis aló do que permitiría un simple encontro presencial.
A xornada do TEDxGalicia contará con distintas actividades abertas durante a mañá do día 19, como TEDxGaliciaU (que ofrecerá un espazo para presentar ideas), mentres que o propio TEDxGalicia desenvolverase de 16:00 a 20:00 horas. As entradas para poder asistir ao encontro poranse á venda o vindeiro venres, e ata o domingo terán un prezo promocional de 25 euros.