A vindeira edición de XGN R Encounter será virtual

venres, 18 de setembro do 2020 Redacción

A XGN R Encounter, a meirande LAN party de Galicia, celebrarase en liña os días 10 e 11 de outubro. Non faltará así á súa cita anual coa informática e as novas tecnoloxías, aínda que adaptará o seu formato á actual situación derivada da COVID-19, que non aconsella desenvolvela de forma presencial.
Así, esta edición número vinte contará con 1.080 prazas virtuais para aqueles que queiran participar na party, para os cales a organización creou un evento no que poderán inscribirse de forma gratuíta. O día 22 de setembro abriranse as preinscricións na web do evento, mentres que o día 25 de setembro realizaranse as reservas definitivas.
Esta edición contará cun amplo programa de actividades para os inscritos, do mesmo xeito que nas pasadas citas na chamada Intranet, o cal incluirá durante os dous días actividades formativas e lúdicas, ademais de competicións de videoxogos e arte dixital. Todas elas serán realizadas a través de internet.
Ademais, a denominada Extranet, que é a zona da party aberta ao público, converterase tamén nunha área virtual con multitude de propostas.
Moitas das actividades, tanto dirixidas aos inscritos como abertas ao público xeral, serán retransmitidas e comentadas nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través de Twitch.

PUBLICIDADE