A vindeira semana ExpOtaku volve á cidade da Coruña

xoves, 18 de maio do 2023 Marcus Fernández

O recinto feira de EXPOCoruña acollerá entre os días 26 e 28 de maio unha nova edición de ExpOtaku A Coruña, encontro entre os afeccionados á cultura asiática, o cosplay e os videoxogos, que durante unha fin de semana comparten experiencias, adquiren produtos en numerosos expositores, coñecen produtos artesáns e obras de ilustración, achéganse a videoxogos de estudios independentes e participan nunha manchea de actividades que xa están debidamente programadas para que os interesados en acudir poidan organizarse. As entradas para o evento poden adquirirse no portelo de billetes do evento, aínda que recoméndase a súa compra anticipada a través da Internet a un prezo de 9 euros día, 17 euros 2 días ou 24 euros os 3 días.
ExpOtaku contará con convidados que van dende cosplayers até tiktokeiras e youtubeiros, que servirán de boa mostra do reflexo que ten na Rede a cultura que se dá cita en EXPOCoruña. Incluso a robótica ten os seus espazos no recinto, coa presenza de Project Droid e un photocall interactivo con robots e, na sesión de tarde do sábado, con obradoiros de robótica con LEGO (aos que seguirá un obradoiro de animación e creación de videoxogos).
O sector dos videoxogos será un ano máis un dos puntos fortes do evento, con moitos postos de xogo libre de consolas de videoxogos modernas e clásicas, de xeito que tanto podemos botar unha partida ao último éxito para PlayStation 5 como lembrar os xogos da Super Nintendo. Durante as distintas xornadas tamén se desenvolverán numerosos torneos de distintos videoxogos (entre os que destacan especialmente os títulos de loita, moi acaídos para o xogo competitivo).

En ExpOtaku é habitual atopar algún tipo de videoxogo de importación sorprendente

PUBLICIDADE