ADECES suspende a Ya.com, Tele2, Vodafone e Orange en atención ao consumidor

martes, 18 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Semella que as operadoras de telefonía teñen departamentos enteiros procurando de xeito exclusivo métodos sutís de enganar ou foder ao cliente sen que se poida demostrar isto ao cen por cen. Isto é especialmente grave coa captación de clientes (son ben numerosos os casos de persoas maiores que descobren que se lles cambiou de firma provedora sen o seu consentimento directo, unicamente manipulando as gravacións das respostas que achegaron), co cese dun contrato ou cos servizos de atención ao cliente. En maior ou menor medida, quen se leva a palma nestes e noutros puntos son Ya.com, Orange, Tele2 e Vodafone. Así nolo conta a Asociación Pro Dereitos Civís Económicos e Sociais nun informe sobre os servizos de atención das operadoras que reflicte estes días en detalle Xornal.com.
A investigación, que pola contra dá un aprobado ao traballo comunicativo que despregan a galega R (3,04 puntos sobre 5), Telefónica (3,5 puntos), Euskaltel (3,34) e Ono (3,07), fai fincapé en cuestións variadas como a desinformación por sistema ou as prácticas dirixidas a xerar desconfianza entre os clientes, cuestións que tristemente semellan ir a máis nos últimos anos. O informe, que deixa a Telecable cun aprobado raspado (2,67 puntos), sitúa a Ya.com no extremo máis baixo da táboa, cun índice de 1,89, superada (aínda que non moito) por Orange (2,17), Tele2 (2,11) e Vodafone (2,29).
Para ADECES, estes e outros datos non fan máis que pór de manifesto o xogo da desinformación e o descontento que moitas operadoras están a despregar nos servizos de atención ao consumidor, prácticas lamentables que afectan a tódolos niveis: o alcance das ofertas, as condicións dos contratos, os prezos dos servizos (que logo non son como eran, ao non especificarse o IVE nalgúns casos), a asistencia técnica (que pode chegar a ser case nula no que a atención en domicilios se refire, ou ben, de habela, excesivamente cara), as condicións de velocidade dos accesos á Rede (que agás en contados casos das operadoras relativamente ben valoradas, non cumpren case nunca co prometido).

PUBLICIDADE