AGASOL mantén a súa actividade divulgativa no GaiásTech
luns, 23 de outubro do 2023
A Asociación Galega
de Software Libre (AGASOL) continúa a traballar na transformación dixital das
empresas galegas ofrecendo tecnoloxías libres que permitan adaptarse fuxir dos
altos custos das licenzas propietarias, para o que colaboran con AMTEGA nunha
serie de relatorios enfocados ás empresas de diversos sectores do país, coma o
gandeiro, o agrario, o forestal o cultural e o comercial.
As sesións, que teñen lugar no Gaiástech,
son impartidas por profesionais procedentes de empresas dedicadas ao
desenvolvemento de software libre e teñen como obxectivo dar a coñecer as
facilidades que poden ofrecerlles estas solucións na xestión empresarial, en
función das distintas necesidades e especificidades de cada sector.
Outro dos
obxectivos da iniciativa é dar a coñecer as posibilidades do Gaiástech, que
ademais de ser un espazo físico, conta cunha nube chamada Cloud do Gaiástech,
na que se almacenan diferentes solucións de software libre que as entidades
interesadas poden poñer a proba tras rexistrarse nel. Este rexistro serve tamén
para que as empresas tecnolóxicas se dean a coñecer, convertendo o Cloud do
Gaiástech nun escaparate para desenvolvedores de software libre.
Ata o de agora
leváronse a cabo tres relatorios dispoñibles
na canle de YouTube do Gaiástech. Neste final de outubro e durante o mes de
novembro, desenvolveranse os seguintes relatorios:
– 25 de outubro: Charla
impartida por Netxcloud (á que xa podemos
subscribirnos en YouTube)
– 8 de novembro: Charla impartida por
Muutech
– 15 de novembro: Charla impartida por
Libreinnova
Con esta iniciativa, AGASOL busca dar a coñecer o Mapa
de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos
de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais co que se
pretende visibilizar e potenciar o ecosistema dixital galego, facilitando a
colaboración entre entidades e promovendo as oportunidades de negocio.